Houbo unha vez, na que as persoas que habitaban
unha illa no medio da Ría de Arousa, souberon aproveitar toda a súa forza, loitando por facer realidade aquel soño onde aparecía unha ponte. Unha ponte
que unira ó resto do mundo coa Illa de Arousa.
Formo parte dunha xeración na que as nosas nais
puideron darnos a luz cruzando o mar en coche, cunhas mínimas garantías de
chegar a tempo a unha asistencia médica. Escoitamos falar á nosa xente sobre a vida
na Illa antes da construción da ponte, de como se vivíu ese proceso
reivindicativo, cruzamos a ponte varias veces cada día e estamos fartos/as de
vela por terra, mar e aire.
Pese a medrar rodead@s de historias sobre a ponte, estos días puiden coñecer novos datos, ben
curiosos sobre o noso cordón umbilical. Envolvinme de testimonios e informacións sorprendentes.
O lema escollido para a defensa
da construción da ponte, e para tornar ese soño veciñal en realidade, foi “A PONTE É A CHAVE PARA 6.000 PRESOS”.
Aínda parecéndome unha cifra poboacional un
tanto optimista, do que non cabe dúbida é que unha desas persoas que se sentían
presas, era Benita.
Con ela tiven o pracer de compartir unha
entrevista que o alumnado do CEIP Torre-Illa de A Illa de Arousa lle fixo fai uns días. Un grupo de traballo composto por profesorado e alumnado,
están creando un proxecto audiovisual ben fermoso, entrevistando a veciños/as,
que falan sobre a ponte e o pobo. Puiden asistir ó “making off”, con Benita
como a protagonista dunha educativa mañá.
O que alí pasou, agardamos a velo nese traballo
que andan “cocendo”, e que ten unha pinta exquisita. O que me enorgullece agora de
mostrarvos, é a fermosura da “artista invitada”.
Aquí mostro o exterior dela, mentras conseguía
o silencio de tod@s @s que alí estábamos, coa atención fixada en cada palabra
que compartía.
Sobresaen os seus ollos de avoa doce, a súa
ledicia no rir e a gran expresividade que a envolve. Ten unha capacidade de sedución, que me
leva a non querer afastarme nunca de debaixo da súa póla. Coma esa árbore
milenaria, que quen desfruta da natureza, coida e valora, así é ela para min. Estou moi cómoda á súa sombra, ó seu abrigo.
Como mencionaba nas redes sociais estos días,
Benita é a amiga máis maior que teño. Ten moitos anos, pero non coñezo a
ninguén a quen lle pesen tan pouco.
Ela non puido estudiar, pero é toda unha
mestra, dando verdadeiras leccións a quen se achega a escoitala.
Benita quizais cumpra o estereotipo de avoa pequeneira
en estatura, á que entran gañas de abrazar polo cálido do seu trato.
E ata aquí os estereotipos con ela.
Por qué?
Porque os estereotipos socialmente vinculados
ás persoas maiores, ráchaos todos.
Cos seus se..…tantos, conduciu a súa propia
furgoneta ata xubilar. Agora anda en bicicleta, lixeira, porque o saber non lle
pesa. Utiliza teléfono móbil, pero a súa verdadeira debilidade é o ordenador
portátil e Internet. Ten conta de Facebook, correo electrónico e pide a cita on.line no seu médico de cabeceira, a través da páxina do SERGAS. Non quere
facturas en papel, polo dano ambiental que supoñen e está encantada con poder
acceder á banca on.line. O acceso a Internet permítelle ler agora, todo canto non puido ler antes.
Como defensora do medio ambiente, está moi
informada da contaminación que xeran os plásticos nos nosos mares. Non utiliza destes
envases e vai á auga a unha fonte pública, embotellándoa en garrafas de
cristal. É coñecedora de todos os productos tóxicos dos que nos rodeamos, a
nivel alimenticio e doméstico. Desfíxose do microondas e non come carne. É unha
enciclopedia sobre prantas mediciñais, fabrica leite vexetal, cremas, xabóns ou
centos de manualidades.
Ela é unha muller cunha historia dura, pero cunha capacidade narrativa, da que só se desprende forza e enerxía positiva.
Penso que as persoas traballadoras e en particular, as
mulleres, debémoslle un agradecemento a Benita. Ela loitou polos dereitos laborais
das mulleres nas fábricas conserveiras da Illa, sindicalista con corazón,
feminista, activista, vexetariana e traballadora incansable. Defensora dos animais e moi
xenerosa con todo ser vivo, excepto con deuses e reis. Amante da natureza, non
hai pranta ou flor que se lle escape. Farmacéutica con alivio natural para
multitude de dores. Labrega e mariscadora. Extremadamente educada, cunha sensibilidade exquisita e unha
risa contaxiosa. Discreta ata volverse a veces invisible, e coa seguridade suficiente
para contestar non cando é necesario. Defensora da lectura, do galego e da cultura. Gran
conversadora, utiliza lentes e a esa mirada non se lle escapa nada. Fuxe de
rumores e faladurías e aprendeu con todo isto, a que lle importe ben pouco o
que pense a xente.
Normal! Pura resposta de adaptación ao medio,
dunha persoa que sobresae do socialmente establecido, nunha illa que penso lle
quedou pequena.
Benita! Temos moitas infusións pendentes. De
corazón agardo que a natureza che devolva todo canto fas, en anos de saúde, vida e alegrías. Hai moito que seguir aprendendo de ti. Sempre disposta. Sempre axudando.
Sempre amiga.
No meu mundo ideal, existirían moitas persoas
coma ti.
Un bico grande, que sei que me les.
Un bico grande, que sei que me les.
(Musical debuxo, que serviu de imaxe promocional dun festival, no verán do 2015).