AMOR CANINO

18:29:00

Agora que sei o que se sinte, penso que tardei en compartir a miña vida con Tina e Cuca. Elas chegaron cando eu xa estaba medrada e nunca logrei imaxinar o amor que lles teño agora. Esta nosa historia, só trouxo bo querer e emocións positivas. Case nada!



A todas as persoas gústanos sentirnos queridas. É unha característica da condición humana sá, o buscar e dar afecto. Podemos sentirnos ben querendo a unha persoa, pero temos capacidade suficiente para querer a moitas máis. A que si? Pois isto do amor, do compartir, do dar e recibir exténdese máis alá das persoas, entrando en xogo animais no amplo sentido da palabra, e cans e cadelas en particular.
Por qué limitar o meu querer? Pensei eu, cando chegaron á miña vida elas as dúas.

Moita xente arredor de min tomou a decisión de vivir acompañad@ dun can, cadela ou gat@. E nesa unión, é doado ver a felicidade. Luísa con Thor e Ares, Esti con Kirla, Miriam con Lala e Leny, Tania con Pipper e Bayron, Juan con Zarco, Bea con Nela, Sil e Nuba, Iris con Sobras, Marta con Rufo, Nelo con Yaqui, Uxía con Lúa, Marta con Boby ou Laura con Macu.


Con todo isto moi presente e ben acompañada, presentámonos o pasado domingo no Refuxio de Animais de Cambados, onde se celebraban unhas Xornadas de Portas Abertas. Este lugar, convertiuse nun espazo seguro para os animais que sofren da nosa crueldade humana. Alí curan e alivian feridas físicas e emocionais. Alimentan, asean e enchen de mimos a cans, cadelas, gatos e gatas que recollen do camiño, porque alguén decidiu que sobraban, faltando gravemente á súa responsabilidade. Animais atropelados e abandonados á súa sorte, atopan alí un refuxio. Noutros casos, rescátanos de pozos, de contenedores ou mesmo de debaixo da terra. 


Teñen historias para non dormir, moi difíciles de reproducir sen atragantarse. Visitando o Refuxio de Animais de Cambados (ou moitos outros ó longo da nosa xeografía) podemos comprobar o peor da nosa especie nas feridas, no medo e nas miradas desconsoladas dos animais.






Dicía que alí podemos coñecer o peor de nós, pero tamén o mellor. 
Olga, Mariña e todo o seu equipo, conseguen dunha forma totalmente altruísta, que eu quede abraiada ante elas. O seu é solidariedade, capacidade de traballo, de esforzo e sacrificio. Amor ós animais e persoas comprometidas coa defensa dos seus dereitos. Tiven a sorte de coñecelas o pasado verán, pero nunca visitara antes o seu refuxio. Vin por primeira vez, unha realidade dura, pero chea de amor e de ladridos de vida.






Nunca vira á xente traballar así. Nunca vira tantos cans e cadelas xuntos. Nunca tantas reixas, con historias desgarradoras, nin nunca vira a un neno e a unha cadela xuntos nunha gaiola.
Aí foi cando coñecín a Breogán.
A súa mamá sorría, da outra banda da gaiola, mentras o meu obxectivo e a miña cabeza andábanme ás voltas, polo insólito e o fermoso daquela imaxe.



Breogán contoume que é o padriño de Daisy, e a súa mamá, a madriña. Que lle encanta ir a visitala, e a cadela semella estar moi a gusto cos seus mimos. É máis grande Daisy que Breogán, pero novamente, o amor non entende de tamaños, nin @s nen@s das crueldades d@s adult@s.

Na mesma tarde, tamén namorei de Celia. Unha cadeliña xoguetona, áxil e moi peludiña. Ela naceu na rúa, xunto á súa irmá xa adoptada. Unha boa persoa axudounas a chegar ó refuxio e agora comparte espazo coa súa mamá. A min caíame a baba ao vela, mentras ela non me facía caso ningún. Qué alegría de cadeliña!



E por se estas emocións foran poucas, logo coñecín a Nor.
Tal e como poñía na súa descripción, el é un can todo terreo. Un camión atropelouno na autovía, deixándoo sen mobilidade na parte inferior do seu corpo. Unha cadeira de rodas, son agora as súas patas de atrás. 
A antiga dona non quixo saber nada del cando se enterou do que lle acontecía. Actualmente segue un tratamento de células nai nunha clínica en A Coruña, para intentar recuperarse de todo. Aínda que é un proceso longo, xa se notan avances e resulta un can cheo de vitalidade, porque na súa cadeira non parou de correr e de sorrir, ensinándonos que tamén se pode ser feliz así.



O Refuxio de Cambados traballa moito e ben pola defensa dos animais. Podedes coñecer a súa páxina http://refugiocambados.es/es/, visitar as súas instalacións, facerlles chegar calquera tipo de colaboración (hai moitas maneiras diferentes) e sobre todo adoptar e acoller en lugar de mercar. As prazas que teñen nunca son suficientes, desbordándose cada día con novas historias cheas de dor. Desenvolven multitude de actividades, como as terapias asistidas con animais, a sensibilización con colectivos diferentes, o programa “Sácame de paseo”, apadriñamentos, adopcións, microchipados ou esterilizacións. Persoalmente considéroo un traballo para recoñecer, valorar e axudar.

Agora dende esta Illa, só quixera aumentar a sensibilidade dalguén con estas palabras e estas imaxes. Auguráronme que non o conseguiría e sei que non é unha tarefa doada o da sensibilización, pero aínda así, é tanto o que aprendín e o que me emocionei, que quería deixar constancia aquí.

Dende os concellos, temos moito que mellorar para lograr o pleno respecto e un coidado digno aos animais. Debemos garantir unha vida feliz e ofrecer segundas oportunidades ós animais que aparecen nas nosas rúas. O seu sufrimento non foi elixido, e unha vida na rúa, non a merecen nin as persoas nin os animais.

Sabedes que existen países con abandono cero? Que hai lugares onde se fan campañas de esterilizacións dende as administracións públicas? 
Coñecedes que en Galicia é legal sacrificar animais sáns? E que nos falla aplicar con firmeza as sancións ó maltrato animal? E que se pode lexislar e eliminar a pirotecnia con son, que provoca tanta dor neles/as?
Somos conscientes do dano que creamos polas nosas erróneas decisións?

Pensemos pois. Eu agora só quero pensar na imaxe dun futuro xusto. E ese futuro non pode chegar sen educación, sen nen@s e sen medidas que fomenten o respecto e a igualdade polos animais. 




You Might Also Like

0 comentarios

Outras publicacións

Queres escribirme?

Nome

Correo electrónico *

Mensaxe *

Subscribe